Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Brión convoca o programa de conciliación familiar BriónVerán 2019, que inclúe dous campamentos e obradoiros


 

As inscricións deberán formalizarse na Casa da Cultura antes do 14 de xuño. A admisión realizarase por orde de inscrición

O Concello de Brión vén de abrir o prazo de inscrición no seu programa de conciliación familiar para a época estival, BriónVerán 2019, que inclúe dous campamentos e unha serie de obradoiros de verán, nos que poderán participar ata un máximo de 110 mozos e mozas. Nos tres casos, a admisión realizarase por orde de inscrición e o prazo de anotación estará aberto ata o 14 de xuño na Casa da Cultura. Terán preferencia as persoas empadroadas en Brión, aínda que tamén poderían participar as de fóra do municipio no caso de quedar prazas libres.

O campamento infantil deste ano terá lugar en Ortigueira do 3 ao 14 de agosto. Poderán participar 50 nenos e nenas de entre 7 e 12 anos de idade. O custe mantense no mesmo prezo que en anos anteriores: 150 euros por persoa (75 euros para segundos irmáns/irmás e gratuíto para os seguintes). Pola súa banda, o campamento xuvenil terá lugar do 27 de xullo ao 3 de agosto en Ortigueira. Poderán participar 20 rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos. O prezo tampouco varía con respecto a anteriores convocatorias: 75 euros por persoa, 38 no caso do segundo irmá/irmán e gratuíto para o terceiro e seguintes.

Obradoiros de verán

E para quen queira quedar en Brión, o Concello programa os tradicionais obradoiros de verán, que terán lugar do 1 de xullo ao 2 de agosto na contorna da carballeira de Santa Minia. Poderán participar 40 nenos e nenas, de entre 4 a 12 anos, en horario de 10:00 a 13:00 horas, con transporte de balde (previa solicitude) e posibilidade de inscrición por semanas.

Ademais, para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, as familias poderán levar aos nenos ás 9:00 e recollelos entre as 13:00 e 14:00 horas de forma gratuíta (se ben neste caso non terán dereito a transporte). A cota mantense nos 25 euros por persoa e semana, 13 para segundos irmás/irmáns e gratis para o resto. As actividades dos obradoiros serán diferentes cada semana, adaptándose á idade das persoas inscritas. Así mesmo, os venres celebraranse excursións a lugares da contorna de Brión.